domingo, 4 de noviembre de 2007

Álvaro Siza e Manel Somoza continúan a conversa en Santiago


A cita co arquitecto portugués e con Manel Somoza, autor de “Álvaro Siza, conversas no obradoiro”, é na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, o vindeiro sábado, día 10 de novembro, ás 13’30h.

Siza e Somoza farannos partícipes de un rato de conversa, de esa longa conversa que os dous manteñen desde hai vinte anos, os que colaboran xuntos, e que descobren niste libro no que repasan proxectos concretos, entre eles os que Siza proxectou na Galiza, o CGAC, o xardín de Bonaval, a Faculdade de Xornalismo ou un pavellón esportivo na Illa de Arousa, que polo de agora non se chegou a construir. Mais tamén falan de proxectos en Berlín, en Holanda ou en Portugal. Falan, entre outras cousas de “amores difíciles”, como o son as relacións entre a arquitectura e a política ou os que viven os arquitectos e os directores de museos. Pero sobre todo falan da paixón polo traballo, que é paixón pola vida mesma. Porque, como explica o autor, a maneira de entender a arquitectura e de proxectar de Álvaro Siza “é máis unha maneira de vivir que un conxunto de ideas teóricas ou prácticas sobre a disciplina”. Somoza destaca do maestro de Porto a combinación entre sensibilidade plástica, rigor técnico, preocupación pola función e a súa permanente fidelidade á responsabilidade social e cultural.

Ao longo das conversas que recolle o libro, celebradas no obradoiro que Siza ten no Porto, lembran anécdotas, proban de desmontar os tópicos que se usan para valorar a arquitectura e reflexionan sobre as dificultades que hai que afrontar para facer arquitectura rigorosa e comprometida no complexo e cambiante mundo actual. Siza e o autor abren as portas do obradoiro de arquitectura ao lector que estea disposto a seguilos.
Foto da libraría Couceiro (Vieiros).

No hay comentarios: