miércoles, 9 de enero de 2008

Libraria Jordi Capell

Nunha das máis completas librarías especializadas en arquitectura, a cooperativa Jordi Capell, do Colexio de Arquitectos, en Barcelona, “Álvaro Siza. Conversas no obradoiro” estivo varias semanas entre os libros destacados, na mesa das novidades.
Unha grata sorpresa ver que estea publicado en galego non é unha barreira. Nesta libraría comparten estantes obras en diversos idiomas.

sábado, 17 de noviembre de 2007

Siza e Somoza na libraría Couceiro



O encontro, esta vez co público que acudiu á presentación na libraría Couceiro, comenzou con unha pregunta do autor: “Porqué mais libros sobre Siza?” Manel Somoza lanzou a pregunta, acaso estaba xa na cabeza de algún dos presentes, e respostou: “Hai moita bibliografía feita desde a emoción que produce a contemplación da súa obra pero pouca desde o análisis do feito de proxectar”.

Recoñeceu Somoza que a primeira resposta veu do autor do limiar, Tomàs Llorens. “O análisis de Llorens aporta claves importantes respecto á obra de Siza. O seu limiar foi a primeira alegría e a primeira aportación aos obxectivos do libro”, xerar reflexión e abrir a posibilidade de entender a obra a través das conversas. Llorens señala no seu texto que Siza consegue unha continuidade no fío da historia da arquitectura. Somoza retomou a idea e insistiu en que “a arquitectura non ten que facer aventuras, ten que responder á sociedade na que está inserida”.

Álvaro Siza, chegado de Porto para a presentación e para clausurar esa tarde o congreso de arquitectos que se estava a celebrar na cidade, explicou que durante as conversas él e mais o autor falaron de todo, “non só de arquitectura”, e esqueceron que o obxectivo era unha publicación. “Eu expresei ideas miñas sobre a arquitectura que agora se poderá ver se son boas ou malas, según os lectores”. E engadiu que “no libro hai moitas cousas dispersas, mais recordo unha liña de continuidade implícita nas preguntas”.

Referiuse Siza tamén ao limiar do libro:“O Tomàs Llorens fixo unha belísima introducción na que fala sobre todo de iso, de continuidade. Na arquitectura hai momentos históricos nos que a necesidade de ruptura parece mais evidente, pero os camiños da arquitectura son forzosamente camiños de continuidade”, señalou Siza.

Falou tamén dos seus proxectos en Santiago e dos seus primeiros recordos da cidade. Da beleza do xardín de Bonaval, que estava en ruínas pero intacto cando recibiu o encargo de facer o COAG. “A impresión do xardín foi moi importante”, recoñece Siza, que ainda recorda “o medo” que sentiu cando se enfrentou a ese espazo. “Pedíronme que construira o edificio no xardín para que non se vira moito”, seguramente polo medo que sempre suscita a arquitectura contemporánea nas cidades históricas. “Eu tiven que defender a idea de que tiña que vir para adiante, para preservar o xardín”
Siza señalou que o de Santiago “foi o primeiro museo que eu construín. Rompeu un periodo durante o que eu era considerado un constructor de vivenda social. Eu sentía que me faltaba outra escala de edificios, e estou agradecido a Compostela por darme esa oportunidade”. Despois veu o proxecto da facultade de Ciencias da Información, que recorda como “un proxecto feliz”.

Pasaban as dúas da tarde cando deixamos a libraría Couceiro camiño da praza do Obradoiro e o Hostal dos Reis Católicos, onde Siza descubríu de neno a arquitectura moderna nas portas de vidro de Cano Lasso. Siza tiña ainda por diante unha longa xornada.

domingo, 4 de noviembre de 2007

Álvaro Siza e Manel Somoza continúan a conversa en Santiago


A cita co arquitecto portugués e con Manel Somoza, autor de “Álvaro Siza, conversas no obradoiro”, é na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, o vindeiro sábado, día 10 de novembro, ás 13’30h.

Siza e Somoza farannos partícipes de un rato de conversa, de esa longa conversa que os dous manteñen desde hai vinte anos, os que colaboran xuntos, e que descobren niste libro no que repasan proxectos concretos, entre eles os que Siza proxectou na Galiza, o CGAC, o xardín de Bonaval, a Faculdade de Xornalismo ou un pavellón esportivo na Illa de Arousa, que polo de agora non se chegou a construir. Mais tamén falan de proxectos en Berlín, en Holanda ou en Portugal. Falan, entre outras cousas de “amores difíciles”, como o son as relacións entre a arquitectura e a política ou os que viven os arquitectos e os directores de museos. Pero sobre todo falan da paixón polo traballo, que é paixón pola vida mesma. Porque, como explica o autor, a maneira de entender a arquitectura e de proxectar de Álvaro Siza “é máis unha maneira de vivir que un conxunto de ideas teóricas ou prácticas sobre a disciplina”. Somoza destaca do maestro de Porto a combinación entre sensibilidade plástica, rigor técnico, preocupación pola función e a súa permanente fidelidade á responsabilidade social e cultural.

Ao longo das conversas que recolle o libro, celebradas no obradoiro que Siza ten no Porto, lembran anécdotas, proban de desmontar os tópicos que se usan para valorar a arquitectura e reflexionan sobre as dificultades que hai que afrontar para facer arquitectura rigorosa e comprometida no complexo e cambiante mundo actual. Siza e o autor abren as portas do obradoiro de arquitectura ao lector que estea disposto a seguilos.
Foto da libraría Couceiro (Vieiros).

jueves, 4 de octubre de 2007

Agora toca falar



Moitos meses de traballo calado. Tomar decisións para definir camiños. O traballo lento de poñer en marcha un proxecto. Todo é novo. Todo necesita ser pensado e decidido. Qué queremos ser. A liña editorial, os proxectos concretos, o nome e a imaxe, o diseño da páxina web, a producción e a distribución, os temas lingüísticos...

"Álvaro Siza, conversas no obradoiro", o libro de Manel Somoza, o noso primeiro libro, é un proxecto longamente madurado que os editores tivemos a sorte de poder acompañar desde a súa xestación. Supuso moito debate, interesante debate, sobre o tema lingüístico entre os dous editores e o autor. Plantexaba o problema de traducir a Siza ao galego e queríamos preservar a riqueza da fala entre un portugués de Porto e un galego "case miñoto", como se define o autor. Na fase final, intercambio contínuo de correos con Elisabete Ramos, a nosa asesora lingüística que entendeu a nosa preocupación.

O privilexio de poder acompañar o proceso de creación e a seguridade que da nacer con un libro magnífico, de un autor que coñece en profundide a obra e a persoa de Álvaro Siza, e que é el tamén un gran arquitecto. Poder contar coa participación de Tomàs Llorens, un historiador da arte de enorme prestixio, que escribiu un incisivo e riguroso limiar é outra das satisfacions deste proxecto.

Agora toca falar. Explicar o proxecto que tivemos tan calado. Porque todo esto cobra sentido pleno cando desperte o interés de un lector. A sorpresa de alguns. Coller o teléfono e facer as primeiras chamadas. Cando ninguén te coñece ainda... verlibros, unha nova editorial galega de libros de arte, arquiectura, fotografía...

martes, 11 de septiembre de 2007

xeografias


Son numerosas as editoriais que traballan para que en Galicia as obras dos escritores e poetas cheguen aos lectores e exista un rico universo literario.
Os editores de verlibros pensamos que a arquitectura, a fotografía, o cine e as artes visuais en xeral permanecen fóra dos mapas desa xeografía que construen os libros. Cando formas e palabras discurren xuntas, e toda creación é amiga da reflexión e da literatura.
Pensamos que a lingua é o principal tesouro da cultura galega e verlibros publicará en galego. Libros que traten sobre arquitectura e sobre as artes visuais, como a fotografía. Ensaios e conversas. Libros que señan itinerarios culturais, nos que Galicia seña un referente, un eco, sen ser referencia obrigada. Os nosos libros abordarán o traballo dos creadores galegos contemporáneos mais tamén dedicaremos atención ao século XX e á recuperación, análise e difusión do patrimonio artístico do noso país. Para empezar a trazar uns mapas, sen ambición de exhaustividade, personales e polo tanto asumimos que incompletos.

Nace verlibros



Verlibros é un proxecto editorial de libros de arte,
fotografía, arquitectura e viaxes, que combinan o pensamento,
a literatura, o diálogo e a imaxe, fixa ou en movemento.

Verlibros é unha editorial de libros en lingua galega.